12/7/10

II Mesa Coloquio “EMPRENDER NO RURAL: perspectivas económicas e culturais” en Pontevedra



O pasado día 8 celebrouse en Moaña a I Mesa-Coloquio baixo o título de “EMPRENDER NO RURAL: PERSPECTIVAS ECONÓMICAS E CULTURIAS”, dentro das actividades de difusión das axudas do programa LEADER Pontevedra-Morrazo 2007-2013.

Tres empresas de carácter innovador e fortemente comprometidas co seu contorno económico e social foron quen de transmitir aqueles aspectos clave á hora de poñer en marcha as súas iniciativas empresariais, así como de falarmos das circunstancias que arrodean o día a día nos seus lugares de traballo.

Tratáronse aspectos tan relevantes como a planificación para a posta en marcha da empresa, a identificación das necesidades dos clientes e dos valores asociados ós seus produtos, o peso do factor do contorno rural como valor engadido, os procedementos de escoita e comunicación cos seus clientes, e outros tantos temas. Os representantes das empresas O Fogar do Santiso, Milhulloa e Algamar conseguiron tratar todos estes temas, pero ademais elevaron o discurso dende a realidade socioeconómica até a responsabilidade social, aspecto no que as súas iniciativas son exemplo a seguir e a apoiar dende a sociedade e as súas institucións.

Na conferencia que precedeu ao acto, o profesor Xavier Simón Fernández manifestou que “non podemos esperar a que veñan dende fóra a darnos solucións”, teñen que ser os propios axentes do territorio os que implanten iniciativas que fagan viable un desenvolvemento do rural sostible. A través dunha serie de casos radicados en Galicia, o poñente puxo de manifesto que é viable emprender no rural e que o camiño que deben seguir estas iniciativas ha de integrar todos os elementos dispoñíbeis: tradicións, cultura, recursos materiais endóxenos e tamén as novas tecnoloxías.

O vindeiro mércores, co mesmo formato e diferentes poñentes, celebraremos en Pontevedra, a 2º edición destas mesas-coloquio: “Emprender no rural: perspectivas económicas e culturais” (programa adxunto). Tres experiencias empresariais vannos aproximar aos factores clave para emprender con éxito no rural galego. Ao redor dunha mesa coloquio, reuniranse os promotores destas empresas nun debate moderado pola la socióloga Mercedes Fernández Gestido.

As protagonistas son pequenas empresas que desenvolven a súa actividade no rural, e que utilizan ese contorno como un elemento que lles engade valor. Todas elas están presentes no mercado cun produto diferenciado, facéndose un oco entre as marcas de consumo masivo.

A mesa coloquio vai a estar precedida dunha breve conferencia impartida por Antonio Montero Carro baixo o título de “A singularidade cultural do rural galego como factor de competitividade empresarial“.

Dentro do marco da dinamización empresarial e cultural no contorno rural que persegue o GDR Pontevedra-Morrazo, esta actuación pretende os seguintes obxectivos:

- Divulgar o programa Leader e a convocatoria de axudas 2007-2013 que xestiona o GDR Pontevedra Morrazo.
- Promover o intercambio de experiencias empresariais consolidadas do contorno rural galego.
- Identificar sinerxias entre os eidos empresariais e culturais.
- Facilitar o contacto de emprendedores cos promotores das empresas convidadas.
- A través das experiencias expostas identificar os elementos clave que poden levar o éxito aos emprendedores do rural.
- Mellorar o coñecemento dos participante sobre o contorno empresarial rural.
- Posta en valor da PEME rural.
- Testar as potencialidades da cooperación empresarial no contorno rural.

Este acto nace ao abeiro da convocatoria de axudas do programa Leader Pontevedra Morrazo 2007-2013, que ofreces distintas liñas de axuda para emprender no rural.

Máis información no teléfono 695.333.087
Podes consultar aquí o programa da xornada

No hay comentarios:

Publicar un comentario