
O GDR Pontevedra–Morrazo comeza a execución do proxecto “Adquisición da Marca de Calidade Territorial Europea”-Convocatoria 2010- coa súa participación nas Xornadas sobre a identidade territorial, responsabilidade social pública e das empresas no territorio, e sobre xestión, control e implantación das marcas territoriais, celebradas en Barbastro (Somontano-Huesca) os días 14, 15 e 16 de setembro.
O Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino ven publicar no BOE de data 9 de setembro, a resolución definitiva pola que se concede unha subvención de 500.000 euros destinados ao proxecto de cooperación interterritorial: “Adquisición da Marca de Calidade Territorial Europea, fase de execución” no que participa como único socio de Galicia o GDR Pontevedra-Morrazo.
Lembremos que este proxecto pretende construír unha Marca de Calidade Territorial propia en cada un dos territorios participantes, homologada pola MCTE a partires da transferencia da experiencia, coñecementos, regulamentos e metodoloxías xa desenvolvidas por outros territorios. Esta iniciativa de cooperación conta con 28 grupos e un orzamento para o período 2010-2013 de 500.000 euros.
O proxecto, tras a súa reformulación, contempla como primeira acción as Xornadas sobre a identidade territorial, responsabilidade social pública e das empresas no territorio, e sobre xestión, control, e implantación das marcas territoriais.
O evento -celebrado no corazón da comarca do Somontano-Huesca os días 14 ,15 e 16 de setembro- contou coa presenza do xerente do GDR Pontevedra-Morrazo, xunto co persoal técnico e representantes das entidades participantes das comarcas de Aragón, Andalucía, Asturias, Castilla León, Cantabría, Castilla La Mancha, Estremadura e Galicia.
A través paneis, talleres e ponencias, tratáronse os pasos ,trámites etc que cada grupo deberá dar; indicadores mínimos que se deberán contemplar no ámbito da responsabilidade social ,económica e ambiental das respectivas marcas e dos instrumentos e órganos necesarios para a xestión do proceso. Finalmente planificáronse as actuacións de cooperación futuras.
Para máis información 695.333.087