O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo (concellos de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, A Lama, Marín, Moaña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa) retomaron as liñas de traballo propostas na convocatoria para a aplicación dos fondos do programa Leader con gran participación dos axentes sociais máis representativos das comarcas de Pontevedra e do Morrazo.
Na reunión mantida co mesa de Igualdade, o pasado mércores, falouse da apertura da convocatoria de axudas que tivo lugar o día 24 de agosto e que permanecerá aberta ata o 1 de setembro de 2013, e da aplicación transversal do principio de igualdade de oportunidades e non discriminación dentro do programa Leader.
A mesa sectorial de “Económica e Laboral” á que asistiron representantes das asociacións empresariais, sindicatos e cooperativas e as súas federacións, centrouse na necesidade de orientar as medidas subvencionables tanto na creación de emprego no territorio como cara proxectos de carácter produtivo. Tamén se salientou a importancia da creación de redes básicas de novas teconoloxías como a implantación dunha rede wimax prevista xa na candidatura dentro da medida de cooperación, e se informou de dous proxectos de cooperación solicitados ao ministerio.
Así mesmo, a mesa “Agro-gandeira” reunida o mesmo día pola tarde e que contou coa participación das organizacións agrarias, asociacións e institucións e empresas deste sector, acordou apostar pola posta en valor vitivinícola das comarcas de Pontevedra e do Morrazo coa recuperación e valorización de variedades autóctonas como a tinta femia e o caíño, independentemente da súa incorporación ou non baixo a Denominación de Orixe de Rías Baixas.
Por outra banda, hoxe venres reuniuse no Pazo da Cultura a Mesa do “Terceiro sector” integrada polas asociacións relacionadas coa economía social para avaliar as liñas de actuación e posibles proxectos que se poden presentar ao programa LEADER; centros de día para persoas non dependentes, residencias comunitarias para discapacitados, etc.
Ademais ó longo da vindeira semana están previstas as xuntanzas das mesas sectoriais de “Medio Ambiente” o luns ás 20:00, de “Turismo e Artesanía” o martes ás 11:00, de “Xuvenís, culturais, recreativas e veciñais” o mércores ás 20:00 e de “Comunidades de Montes” o xoves ás 20:00 no Pazo da Cultura.
Tódalas entidades participantes no Grupo de Desenvolvemento Rural se comprometeron a maior difusión das axudas entre os seus asociados, así como a colaborar na divulgación das vindeiras xornadas informativas a desenvolver nos concellos de A Lama, Barro, Bueu, Cangas, Campo Lameiro, Cotobade, Marín, Moaña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa.